Dis que non hai peor corvo que o que non aprendeu a voar. Eche ben certo.
Era malo, para min que era malo; eu polo menos só o coñecín sendo malo. E xa non me refiro a como se poñía as veces mentres oficiaba, que aquilo si que era un espectáculo, pero de moito carallo. Un non sabía o que facer nin onde meterse. Bueno, o certo é que naquel entón un era aínda moi novo. Recordo como, mentres alzaba o cáliz despois de papar a hostia, comezaba a babexar e ao pouco derrubábese como un pelouro no chan. Non, non era malo por iso. Iso non podía evitalo. Pero hai cousas que si podía evitar.
Non sei o que lle pasaba pola cabeza cando se agochaba polas noites nos foxos do Regueiral ou tralas árbores para asustar á xente. Non sei tampouco que cousa tan grave podiamos ter feito os nenos do catecismo para que nos secuestrara na igrexa sen deixarnos sair ata que iban por nós as nosas nais, nin entendo como se lle ocorría collernos a pelota mentres xogabamos no cruceiro para obrigarnos a axudalo a da-la misa. Era túzaro, e non porque fose de Boimorto, ainda que iso seguro que non axudaba moito. Segundo din, cando chegou a Redes veu acompañado por unha chea de veciños e un deles achegouse ao mar e abaixouse para tocalo. ¡E molla!, dixo. É probable que non sexa certo, e si é certo é moi posible que aquilo non fora máis cun comentario de coña, para facer a graza. Pois iso, que non se trata de quitarlle a pel aos de Boimorto, que el era túzaro porque si, e xa está. Era túzaro e bo non era. Como cando me tirou á cabeza non sei que cousa dura como unha pedra e por pouco non me leva un ollo con ela.
Alí onde houbera unha lea estaba o condanado. Ata parece que iba tras delas. Entre as cousas que se fixaron na miña maltreita memoria de vello está aquela escea -non sei se pintoresca ou grotesca – na que Pilarita berráballe dende o forno –como só Pilarita sabía berrar, que sabía moito- mentres el subía pola estrada volvéndose a cada pouco para contestarlle, non sei o que nin sobre que cousa. E todo isto diante de tododios -que é Un como sabedes, e dis que está en todas partes ao mesmo tempo-.
E como Deus el tamén semellaba estar en todas partes –non puiden comprobar se como Aquel tamén el “ao mesmo tempo”-. Moitos anos despois de que marchara de Redes, no 82 ou 83, atopeino excomulgando a destro e sinistro nun pub de Compostela. Erguía a man e baixabaa como indicando dous camiños: o da salvación e o do castigo eterno. Si, non daba creto, alí estaba el co seu inferno.

Sem comentários:
Enviar um comentário