sexta-feira, 1 de junho de 2012

Pegaso

Non estamos sós. Hai alguén aí fora. Chegan do espazo exterior e acubíllanse no máis íntimo da nosa existencia, no fondo escuro da nosa conciencia, das lembranzas máis queridas, dos máis desacougantes pesadelos. Chegan un día e quedan para sempre. As veces teñen rostro e nome, outras veces son só como lenes rozadelas na alma. 
 
Estaba alí agochado, sempre estaba. Aínda que non o vira sabía que estaba alí, tras o muro baixo que pechaba a finca, agardando. Chamábanlle Pegaso. Foi pasando o tempo e o terror que me inspiraba mudou ata converterse nunha presenza triste e agarimosa. Podía imaxinalo tras o muro, vendo pasar os días, a xente, os cans; sempre dende o outro lado, sempre só. Ata que a soedade e o devalar monótono do tempo fíxoselle insoportable. Farto de ver a vida pasar, saltou Pegaso cara a vida. Foi só un intre, pero tan intenso e fermoso que por unha vez sentíuse vivo. Só un intre, unha eternidade, e a corda tensouse de sócato.