quarta-feira, 9 de maio de 2012

Edén

Eu vivía nunha casa onde aniñaban as anduriñas, onde as mazorgas de millo penduraban do teito como grilandas de fantasía, onde medraban os carranchiños ata converterse en graves porcos enfeitizados entre o estrume do cortello. Eu tiña un can que escorrentaba ós parrulos, e pitos amoreados á calor das lámpadas. Tiña galos que anunciaban amenceres e galiñas á procura de tesouros soterrados. Eu tiña, pero xa non teño, coellos que comían fiuncho e miraban de reollo. Tiña pavos que, dende a altiveza esquiva dos seus minaretes, agardaban sen saber que agardaban. Eu vivía no paraíso.



Sem comentários:

Enviar um comentário